Relicario das Chaves de San Pedro
Pequeno colgante relicario que contén as limaduras das cadeas do cativerio dos santos Pedro e Paulo. Trátase dun pequeno receptáculo con forma de libriño que alberga dúas chaves no seu interior, unha de prata na súa cor e outra sobredourada, as cales conteñen as limaduras das devanditas cadeas. Estas chaves aparecen penduradas en posición vertical e son visibles a través do cristal da pequena porta do anverso. A caixiña destinada ao depósito das reliquias ten, como xa se indicou, forma de pequeno libro e está realizada en prata sobredourada.
No que respecta á súa decoración, destaca o gravado do reverso, no que se representa a San Pedro encarcerado e encadeado á parede. Do mesmo xeito, chama a atención a secuencia cromática debuxada polos esmaltes da beira do libriño, nunha alternancia rítmica de tons negros e brancos, así como a decoración floral, tamén en esmalte, presente no lombo da caixiña.
Por último, cómpre indicar que esta peza aparece citada no inventario de reliquias do convento:
En un librito de oro con dos llaves de lo mismo están dentro Limaduras de las Cadenas de San Pedro y San Pablo, que el Papa Paulo V envió al Conde de Lemos Don Pedro Fernández de Castro siendo Virrey de Nápoles (Monforte, Archivo del Convento de santa Clara, papeles sueltos; apud Sáez González, 1987: 212).
- Chamoso Lamas, M. y Casamar, M. (1980). Museo de Arte Sacro Clarisas de Monforte. Madrid: Caja de Ahorros de Galicia.
- Sáez González, M. (1987). La platería en Monforte de Lemos. Lugo: Diputación de Lugo.