Ir o contido principal

Retrato de Sor Catalina de la Concepción

Sor Catalina de la Concepción
Autor
Localización
Clasificación
Lugar de orixe
Estilo
Século
XVII
Cronoloxía
1633 -1648
Descrición

Pintura ao óleo sobre lenzo que representa a D.ª Catalina de la Cerda y Sandoval, Condesa de Lemos, virreina de Nápoles e fundadora do Convento de MM. Clarisas da Purísima Concepción de Monforte de Lemos. A retratada aparece xa baixo a identidade relixiosa de Sor Catalina de la Concepción, nome adoptado tralo seu ingreso na comunidade clarisa en 1633. A obra, realizada con posterioridade a esa data e antes do seu falecemento en 1648, constitúe un bo exemplo dos modelos da retratística conventual feminina na primeira metade do século XVII.

A figura preséntase de pé, en posición frontal e lixeiramente escorada, vestida co hábito completo da orde: túnica marrón, toca branca, manto negro e cordón de cinco nós, símbolo da profesión franciscana. Coa man dereita sostén un libro de oración apoiado sobre unha pequena mesiña, elemento que subliña a súa dedicación á lectura devocional e ao exercicio espiritual. O rostro, de trazos maduros e expresión serena, transmite unha forte sensación de recollimento interior, reforzada pola presenza dun globo celeste aos seus pés, alegoría do desprezo polo mundo e da renuncia ás vaidades terrenais.

A escena desenvólvese nunha estancia de dimensións reducidas, definida por unha iluminación tenue que se concentra sobre a figura protagonista. As cortinaxes encarnadas que enmarcan a composición introducen un elemento de teatralidade controlada, elemento polo demais habitual da retratística barroca, ao tempo que contribúen a destacar a presenza da retratada. A sobriedade do espazo, xunto coa ausencia de elementos superfluos, reforza a lectura espiritual da imaxe e sitúa a figura nun ámbito de retiro e contemplación propio da vida monástica.

Dende o punto de vista estilístico, a pintura inscríbese na órbita da escola española barroca, caracterizada pola austeridade cromática, o naturalismo e o marcado carácter devocional das composicións. No tocante á autoría, a obra pode atribuírse a algún taller da escola castelá con certos vínculos con ambientes conventuais ou nobiliarios. Polo demais, este retraro forma parella na colección co Retrato do Duque de Lerma, pai da retratada, feito que pretende reforzar a súa función representativa e dinástica.

Para finalizar, no ángulo superior dereito consérvase unha inscrición hoxe ilexible, cuxo contido orixinal puido facer referencia á identidade, virtudes ou condición relixiosa da retratada.

 

Bibliografía
  • Chamoso Lamas, M. y Casamar, M. (1980). Museo de Arte Sacro Clarisas de Monforte de Lemos. Madrid: Caja de Ahorros de Galicia.
  • Sáez González, M. (2018). Coleccionismo y almoneda del gran Conde de Lemos, Don Pedro Fernández de Castro. Lugo: Diputación de Lugo.
Material
Lenzo
Pintura ao óleo
Técnica
Óleo sobre lenzo