Urna relicario realizada en prata e cristal que contén a reliquia dun dos cravos da Crucifixión. O conxunto integra de maneira sabia e harmónica elementos de diversa natureza. Así, na parte superior pódese observar unha urna rectangular con tapa troncopiramidal, realizada a partir dunha estrutura de prata e cerramento en lámina de cristal. Este modelo garda certo paralelismo coas arquetas relicario custodiadas na colección, aínda que amosa unha evidente maior riqueza de materiais. A tapa superior conserva os cristais laterais que permiten ver o contido da caixa, mentres que no extremo superior o elemento de remate aparece coroado por unha cruz latina realizada en prata sobredourada.
No que atinxe á diáfana caixa, esta permite contemplar a reliquia que custodia no seu interior: un dos cravos da Crucifixión de Cristo. Este elemento repousa sobre unha bandexa de prata decorada cun entrelazado composto por unha dobre secuencia de bandas trenzadas en zigzag, que na súa base presenta unha ornamentación de motivos florais. Pola súa banda, o cravo aparece suxeito a este soporte mediante dous cordóns situados nos seus extremos, dos cales o inferior presenta varias pequenas pezas de alxofre. Por outra parte, a estrutura da urna amosa unha elegante decoración que combina o elemento estrutural en prata na súa cor, pequenas láminas de cristal con molduras en prata sobredourada, flores de seis pétalos e catro estípites antropomorfas adheridas ás esquinas e realizadas tamén en prata. Do mesmo xeito, esta caixa principal presenta, na fronte inferior, un elemento decorativo presidido pola imaxe dun anxeliño, que ademais actúa como soporte dun pequeno marco relicario suspendido mediante cadeas e que custodia as reliquias de san Martiño (anverso) e san Clemente (reverso), identificadas en ambos os casos polas súas correspondentes cartelas.
O conxunto conformado pola urna e o marco relicario aparece sustentado por dous anxos de prata de fermosa factura. Ambas as figuras amosan unha grande preocupación polo estudo anatómico e o movemento. Deste xeito, atopámonos ante dous anxos de aspecto novo e corpos ben proporcionados, que revelan unha especial atención polo detalle. Destaca o coidado amosado polo artista en aspectos como a expresión dos rostros, a curvatura das ás e a amplitude dos mantos, xerando unha tensión dinámica que se traduce nunha diagonal que contribúe a suavizar a rixidez das formas rectas que dominan a peza.
Polo demais, ambos os anxos aparecen apoiados sobre unha peaña moldurada de sección case rectangular que presenta un lixeiro retranqueo na parte frontal. No seu espazo superior, lugar onde se dispoñen os dous grandes anxos, a peza presenta unha decoración floral gravada a buril. En canto á parte intermedia, esta mostra nas esquinas unha serie de elementos decorativos de idéntica factura, compostos por querubíns acompañados dunha especie de volutas con pequenas bólas. Na parte frontal, esta caixa inferior contén varias reliquias identificadas mediante cartelas. Así, no espazo central retranqueado, flanqueado por unha decoración formada por catro anxeliños, unha teca ovalada garda as reliquias de san Xulián (un dente) e santa Basilisa. Pola súa parte, nos corpos máis avanzados dos laterais, dúas tecas circulares serven igualmente para o depósito de reliquias.
Por último, convén sinalar que esta peza puido constituír un agasallo do VIII conde de Lemos, Francisco Ruiz de Castro, a Catalina de la Cerda y Sandoval. A urna aparece citada na documentación do convento:
En una arquilla de cristal guarnecida de plata está un clavo de los con que enclavaron á Cristo nuestro Señor en la Cruz, que se le dieron al Padre fr. Agustín de Castro siendo Embajador en Roma, y la certificación está en el Archivo, de su misma letra y mano (Monforte de Lemos, Archivo del Convento de Santa Clara, papeles sueltos, 3r. apud Sáez González, 1987: 211).
- Chamoso Lamas, M. e Casamar, M. (1980). Museo de Arte Sacro Clarisas de Monforte. Madrid: Caja de Ahorros de Galicia.
- Lorenzana Lamelo, M.ª L. (1986) Aportación documental al estudio histórico-artístico de dos fundaciones monfortinas: el colegio de la Compañía y el Convento de las Clarisas. Santiago de Compostela: Universidad de Santiago de Compostela.
- Sáez González, M. (1987). La platería en Monforte de Lemos. Lugo: Diputación de Lugo.
- Valle Pérez, J. C., y Fernández Otero, J. C. (1993). Os Museos da Igrexa en Galicia. Ourense: Xunta de Galicia.