Ecce Homo
Esta peza é unha imaxe de vulto redondo de Cristo segundo a iconografía do Ecce Homo. Representa o Divino Salvador atado á columna, mediante un fragmento de corda real, nun momento posterior á flaxelación, cando as marcas da dor padecida durante o martirio permanecen aínda plenamente visibles. As feridas e laceracións do corpo foron executadas con gran mestría polo artista. A obra revela un perfecto estudo anatómico e unha notable captación psicolóxica do sufrimento soportado, reflectido no rostro de Cristo.
A escena alude ao episodio narrado no Evanxeo de san Xoán, no que Pilato exclama: «Velaquí o home» (Xn 19,5). O artista describe un momento no que o corpo castigado de Cristo se converte no gran protagonista da representación, reducindo ao mínimo as dimensións da columna da flaxelación. Malia a crueza do tema, a obra mantén un perfecto equilibrio grazas á elegante disposición do corpo, lixeiramente inclinado e cun pé adiantado.
En canto á peaña, presenta unha forma lixeiramente poligonal e comparte o mesmo esquema decorativo ca a columna que sostén, executado con tonalidades que imitan o mármore. Unha cartela situada na súa fronte permite identificar a peza mediante a inscrición: «ECCE HOMO».
Por outra banda, cómpre sinalar que a obra, pola disposición dos seus elementos, mantén certa relación co Cristo atado á columna da catedral da Almudena de Madrid, realizado polo artista napolitano Giacomo Colombo. Con todo, resulta aínda máis reveladora a súa semellanza con outro modelo madrileño. Neste caso, trátase do Cristo atado á columna de Gregorio Fernández pertencente ás Coleccións Reais e conservado no Real Mosteiro da Encarnación (cf. Arias Martínez, 2024: 227).
- Arias Martínez, M. (2024). Darse la mano. Escultura y color en el Siglo de Oro. Madrid: Museo Nacional del Prado.
- Chamoso Lamas, M. y Casamar, M. (1980). Museo de Arte Sacro Clarisas de Monforte de Lemos. Madrid: Caja de Ahorros de Galicia.
- Lorenzana Lamelo, M.ª L. (1986) Aportación documental al estudio histórico-artístico de dos fundaciones monfortinas: el colegio de la Compañía y el Convento de las Clarisas. Santiago de Compostela: Universidad de Santiago de Compostela.
- Sáez González, M. (2012). Del Reino de Nápoles a las Clarisas de Monforte de Lemos: escultura del siglo XVII en madera. Lugo: Diputación de Lugo.