Pintura ao óleo sobre lenzo que representa a Virxe co Neno baixo a advocación de Nosa Señora do Pobo. A obra, de autor anónimo, responde a un modelo iconográfico derivado do célebre icono bizantino custodiado en Santa María a Maior de Roma: «Salus Populi Romani».
A imaxe presenta a María como unha muller nova, vestida cunha túnica rosada e un manto azul con detalles dourados. A Virxe sostén ao seu fillo no colo mentres sinala coa man dereita, empregando a tradicional fórmula de tres dedos. Pola súa parte, Xesús aparece caracterizado cunha fisionomía de madurez impropia da súa idade, portando un libro e en actitude de bendicir, tamén sinalando con tres dedos.
Dende o punto de vista compositivo, a monumentalidade da figura de María vese acentuada pola modulación da luz sabiamente introducida polo artista. A escuridade da parte inferior contrasta co rompemento de gloria da zona superior, que ilumina a cabeza nimbada da Nai de Deus. Finalmente, diversas cabezas de querubíns emerxen entre as nubes, completando a escena cun acento celestial.
Polo demais, a obra foi realizada por algún taller napolitano, especializado en produción devocional de xeito case seriado e destinada principalmente a institucións relixiosas.
- Chamoso Lamas, M. y Casamar, M. (1980). Museo de Arte Sacro Clarisas de Monforte de Lemos. Madrid: Caja de Ahorros de Galicia.
- Sáez González, M. (2018). Coleccionismo y almoneda del gran Conde de Lemos, Don Pedro Fernández de Castro. Lugo: Diputación de Lugo.