Pintura ao óleo sobre soporte de cobre que representa a Sagrada Familia con San Xoanito. A composición articúlase nun espazo interior pechado, definido por unha iluminación cálida de procedencia frontolateral esquerda dende o punto de vista do espectador, a cal acentúa os efectos de claroscuro. A Virxe ocupa o eixo central da escena, configurando unha imaxe de forte carga maternal mentres aleita ao Neno Xesús. Á súa dereita sitúase San Xosé, representado en actitude recollida e concentrado na lectura dun volume.
No primeiro plano, aos pés da Virxe, dispóñense San Xoanito e o Agnus Dei, apoiados sobre a esquina dun berce que funciona como elemento de articulación espacial. No fondo da estancia, unha fiestra aberta introduce un foco lumínico secundario que contribúe a equilibrar a distribución da luz e a profundidade da escena.
A obra revela certa filiación clasicista, perceptible na coidada modulación lumínica, na riqueza cromática e na extraordinaria precisión técnica na execución das carnacións. No sector inferior esquerdo identifícase unha sinatura composta polas iniciais “I” e “L”, unidas por unha cruz, con toda seguridade indicativa da autoría.
Polo demais, o artista revela un claro coñecemento da obra de Rafael Sanzio, como evidencian determinadas correspondencias estilísticas que o cobre mantén con outras creacións do mestre de Urbino, entre elas a Madonna do Divino Amor, actualmente conservada no Museo di Capodimonte de Nápoles.
Estas afinidades coa linguaxe pictórica de Rafael tamén se aprecian noutras obras da colección, como A Sagrada Familia con Santa Ana e San Xoaniño ou a Alegoría do triunfo da Inmaculada Concepción.
- Chamoso Lamas, M. y Casamar, M. (1980). Museo de Arte Sacro Clarisas de Monforte de Lemos. Madrid: Caja de Ahorros de Galicia.
- Sáez González, M. (2018). Coleccionismo y almoneda del gran Conde de Lemos, Don Pedro Fernández de Castro. Lugo: Diputación de Lugo.