Este conxunto constitúe un Calvario gótico realizado en madeira policromada arredor do ano 1300, procedente da parroquia de San Fiz de Cangas (Ferreira de Pantón). Está composto por tres figuras de canon moi alongado, presididas por un Cristo crucificado con tres cravos, de maiores dimensións ca o resto do grupo.
A imaxe de Cristo destaca pola súa expresividade, coa cabeza inclinada cara á dereita, e por determinados detalles, como o coidado tratamento dos pregues do perizoma e o elegante cruzamento das pernas. Trátase de elementos que remiten a modelos medievais como o rei David do Pórtico das Praterías, atribuído ao Mestre da Porta Francíxena. Do mesmo xeito, conserva restos da policromía orixinal, especialmente visibles no pano de pureza e en zonas do rostro como as encarnacións, as pálpebras e a barba.
As figuras da Virxe María e de san Xoán completan o conxunto e presentan unhas dimensións menores cá imaxe do Salvador. Ambas transmiten unha actitude introspectiva, capaz de expresar serenidade e contención ante o profundo sentimento de dor e pesar que experimentan.
Este conxunto constitúe un exemplo excepcional da arte gótica en Galicia, tanto polo seu valor histórico e artístico como pola escaseza de obras medievais realizadas en madeira que se conservan no territorio galego.
Por último, cómpre sinalar que esta obra, actualmente depositada no museo, conserva a súa función ritual orixinal, xa que forma parte da procesión que se celebra durante a romaría da parroquia de San Fiz de Cangas.
- Valiña Sampedro et al. (1975). Inventario artístico de Lugo y su provincia (t. II). Madrid: Servicio de Publicaciones del Ministerio de Educación y Ciencia.